ANTE A ENTRADA DE ESPAÑA NO ESCUDO ANTIMÍSILES DA OTAN
RESOLUCIÓN DO COMITÉ EXECUTIVO DO PCPE
Ante a entrada de España na estrutura do escudo antimísiles da OTAN Unha vez coñecida a decisión anunciada onte por Rodríguez Zapatero, en virtude da cal España pasará a formar parte do conxunto de países que participan no denominado “escudo antimísiles” da OTAN, o Comité Executivo do PCPE declara o seguinte: 1) O denominado “escudo antimísiles” trátase dunha tecnoloxía desenvolvida inicialmente polo goberno de George Bush para repeler supostos ataques contra EEUU de mísiles procedentes de Irán ou da República Democrática Popular de Korea. Este mecanismo militar, que recupera a doutrina da “guerra das galaxias” de Reagan e vulnera os acordos de desarmamento, aínda vixentes, entre a antiga URSS e EEUU, e supostamente fora abandonado en 2009 por decisión de Obama, supón un novo paso na escalada de militarismo e violencia que o imperialismo está a desatar para tratar de remontar a profunda crise estrutural en que se acha o sistema capitalista en descomposición. 2) Ante esta situación, o goberno de Zapatero, o goberno do PSOE, repite unha vez máis o seu tradicional papel de monicreque do imperialismo e firme defensor dos intereses da oligarquía, mediante outra cesión de soberanía á OTAN, ferramenta criminal ao servizo das aspiracións de dominio mundial de EEUU. A noticia de que a base militar de Rota será integrada no sistema do escudo, así como a posible posta a disposición doutras unidades militares, supón un paso máis na total integración da capacidade militar española nas estruturas imperialistas, feito precedido pola participación das tropas españolas en todas as operacións de saqueo e pillaxe dos últimos anos en lugares como Libia, Kósovo, Iraq ou Afganistán. A base de Rota convértese desta maneira en peza esencial da estrutura militar norteamericana para África (AFRICOM), vía pola cal a oligarquía española tratará de incrementar a súa intervención nas crecentes contradicións interimperialistas e procesos convulsos que se dan no sur do Mediterráneo e África. 3) O escudo antimísiles de EEUU, agora presentado como da OTAN, supón unha nova mascarada por medio da cal se pretende confundir e enganar aos pobos. Enmárcase dentro da dinámica de unidade e loita na que están envolvidas as distintas potencias imperialistas e onde a Unión Europea, cunha capacidade militar moi inferior aos EEUU e incapaz de adoptar unha posición autónoma como polo imperialista, prefire ser subsidiaria de EEUU na pugna fronte a outras potencias como Rusia e China, obxectivos últimos da estratexia geoestratéxica e militar da OTAN. 4) A entrada de España no clube europeo de participantes no escudo antimísiles, uníndose a Polonia, Romanía, a República Checa ou Turquía, e que será seguida por outros países da UE, hai que interpretala non só como o intento final do PSOE por congrazarse co imperialismo ianqui, tendo en conta que as relacións cos EEUU dificultáronse tras a única decisión acertada de Zapatero en política internacional, que foi a saída das tropas españolas de Iraq, senón principalmente como o recoñecemento de que a Unión Europea non supón ningún contrapeso nin alternativa ao imperialismo norteamericano, como pretenden as organizacións reformistas e oportunistas, senón que é un firme aliado do binomio EEUU-OTAN. 5) Este mecanismo militar, ademais de operar no marco dos conflitos interimperialistas que se recruecen a medida que avanza o proceso de descomposición do capitalismo, encádrase tamén nunha estratexia que está directamente dirixida contra as masas obreiras e populares do mundo, encamiñada a converter á OTAN nunha ferramenta capaz de intervir nun número crecente de países, susceptibles todos eles de xerar procesos revolucionarios dado o constante empeoramento das condicións de vida das masas populares. Os cada vez maiores compromisos que adopta a oligarquía española, e as clases dominantes noutros países, coas estruturas imperialistas, buscan garantir a posición de dominio e privilexio, abrindo a posibilidade de intervencións militares internacionais no caso de que procesos de loita revolucionaria poñan o sistema capitalista en risco nalgúns países. 6) Neste marco, o goberno do PSOE volve a plegarse aos intereses do imperialismo máis asasino, violando, unha vez máis, os termos do referendo da OTAN de 1986. A socialdemocracia ponse ao servizo das principais potencias imperialistas para tratar de mellorar o peso relativo de España na pirámide imperialista, nun momento en que a crise estrutural do capitalismo está a facer que os monopolios españois perdan postos no escenario económico capitalista mundial. No marco do actual sistema non hai respecto pola soberanía popular, unicamente caben máis militarismo e máis reacción 7) Declaramos a nosa solidariedade con todos aqueles pobos que, día a día, fan fronte á ameaza imperialista, especialmente ás ameazas da UE, a OTAN e EEUU. Expresamos o noso apoio irrestricto aos pobos que se resisten a caer baixo a soga das potencias imperialistas, que loitan por un futuro de igualdade entre os pobos do mundo, alleos aos saqueos, invasións, ameazas e manipulacións do imperialismo. 8) Esiximos, xa que logo, a inmediata retirada desta decisión que, xunto co desmantelamento de todas as bases militares estranxeiras, se enmarque nun proceso de saída de España de todas as estruturas imperialistas das que forma parte, principalmente da OTAN e a UE. Finalmente, facemos un chamamento á clase obreira e sectores populares do noso país, así como ás organizacións sociais, sindicais e políticas que se opoñen ao imperialismo, a erguer a bandeira da paz e a dignidade, a declarar que as guerras de saqueo e espolio non son as da clase obreira, senón da oligarquía e os seus monopolios, a loitar pola defensa da soberanía contra a UE, a OTAN e EEUU. En Madrid, a 6 de outubro de 2011. Comité Executivo do PCPE


































